Seguidores

sábado 21 de noviembre de 2009

Primeiros cágados de Píntega en Ourense.







Parece ser que con tanta choiva, e cos mananciais e puntos de reproducción xa recuperados, as píntegas (Salamandra salamandra) de Ourense, xa tiveros os primeiros partos, hoxe mesmo, día 21 de novembro de 2009, me atopei dous puntos xa cheos de cágados desta especie, un no monte de O Cuco e outro no Montealegre.

Picatorneiros verde no Montealegre.




Picatorneiros é o nome vernáculo co que nalgunhas partes de Ourense se coñecen aos petos (xen. Picus, Dendrocopus e Jynx).

Este exemplar de picatorneiros verde (Picus viridis), foi localizado o día 21 de novembro de 2009, e está pousado sobre unha sobreira (Quercus suber) do Montealegre, este enclave próximo á cidade é un punto de biodiversidade peculiar dentro do contexto xeográfico da depresión ourensá, posuíndo unha gran riqueza en lepidópteros, especies vexetais, aves rapaces e forestais, e herpetolóxica entre outras.

Está proxectado crear un xardín botánico neste monte, algo ao que varias voces ourensás nos opoñemos sen que antes nos aclaren cal é o proxecto concreto e cal vai a ser o seu impacto sobre este hábitat, xa maltratado de por si a causas de reiterados incendios forestais e a incidencia da práctica de certos deportes a motor moi de moda en Ourense nos últimos tempos.

viernes 20 de noviembre de 2009

Rola turca en Ourense.






Imaxes de rola turca (Streptopelia decaocto) obtidas o pasado día 14 de novembro de 2009 na marxe esquerda do río Miño en Ourense, perto, ao lado mesmo das árbores hai unha zona invadida por Phitolacca americana.

Corvos mariños en Ourense.








Nestas imaxes podedes apreciar varios exemplares de corvo mariño (Phalacrocorax carbo) localizados no río Miño ao seu paso por Ourense o pasado 14 de novembro de 2009.

Nalgunha das fotografías vese un exemplar que ten decoloradas algunhas primarias, extrañado por esta característica mandeille un correo a Cosme Damián Romai, quen amablemente me aclarou que, lonxe de ser unha marcaxe dalgun proxecto, non son máis que restos da plumaxe xuvenil, xa que nesta especie os xuveniles son pardos e os adultos negros, polo que os restos da plumaxe xuvenil pardorroxiza descanan sobre a plumaxe nova adulta e negra.

Xílgaro comendo nas sementes dunha árbore ornamental naturalizada.


As ribeiras do río Miño ao seu paso por Ourense están infestadas por unha chea de especies vexetais introducidas.

Nestas imaxes, obtidas o pasado día 14 de novembro de 2009, podedes observar a un xílgaro (Carduelis carduelis) comendo nas sementes dun falso plátano ou plátano de sombra (Platanus hispanica).

jueves 19 de noviembre de 2009

As anduriñas dos penedos aínda están criando!






As anduriñas dos penedos (Ptyonoprogne rupestris) aínda está a críar na cidade de Ourense, así o pasado día 14 de novembro de 2009 diversas parellas foron vistas entrando e saíndo de diversos puntos de nidificación, incluso cebando polos recén saídos do niño.

Gaivotas choronas no río Miño.








A gaivota chorona (Larus ridibundus) é un invernante frecuente na provincia, aínda que é a segunda especie en canto a número de exemplares, por detrás da gaivota patiamarela (Larus michahellis).

O pasado 14 de novembro de 2009 foron localizados 4 exemplares desta especie no río Miño ao seu paso polo concello de Ourense, lugar onde é facil a súa observación, aínda que a estas alturas o seu número aínda é moi baixo.

Gaivotas patiamarelas en Ourense.
















A gaivota patiamarela (Larus michahellis) é por dereito unha integrante máis da fauna urbana da cidade de Ourense, así dende a lo menos o ano 2005 cría nos tellados do centro.

A poboación invernante de láridos na cidade de Ourense, que chegou a alcanzar máis de 3500 indivíduos nos anos 90 do pasado século, sufriu un duro revés co peche do vertedoiro municipal de Eiroás, e na actualidade mantense entre os 500 e 1000 exemplares por ano, dependendo das condicións climatolóxicas reinantes, canto máis frío e inestable é o ano máis gaivotas chegan a Ourense.

Estas imaxes coresponden a diferentes exemplares localizados en distintos puntos da cidade durante unha xornada de "bicheo" urbana o 14 de novembro de 2009, e amosa exemplares en diferentes idades.

Nunha delas mesmo parece que o animal está a preparar a antena para o tan anunciado "apagón analóxico", pondo todo apunto para o TDT, estades vós tamén así de preparados...?

Alavancos no Campus Universitario de Ourense











O alavanco (Anas platyrhynchos) é sin dúbida algunha a anátida máis numerosa da provincia, e a única que cría de maneira regular e repartida.

O día 14 de novembro de 2009 había 11 exemplares desta especie na charca artificial do Campus universitario de Ourense, un lugar frecuentado por esta especie onde incluso chega a criar, neste día os exemplares presentes facían intentonas de paradas nupciais.

martes 17 de noviembre de 2009

Ahí ven o lobo.










Inspirado por un post que acabo de ler no blog de Rubén Portas (Noroeste Ibérico), e tirando de arquivo, vouvos contar unha historia que no seu momento me fixo por os pelos de punta ao ver un lobo en persoa, pero por causas ben tristes...veredes.

A principios de ano visitei o Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe do Alto do Rodicio, organismo que na actualidade depende da Xunta de Galicia e que é o encargado da recollida e posterior recuperación, dos animáis salvaxes que por distintas causas se recollen ao longo da provincia.

Nunha das gaiolas había un lobo ibérico (Canis lupus signatus) que, a pesar de ter á sua disposición un espazo bastante amplo pra moverse, soio utizaba unha pequena parte do recinto, que camiñaba ida e volta unha e outra vez, de forma que no 80% do recinto medraba alta a maleza e no outro 20%, estaba machacado e nú por tanto trasego do animal.

Extrañado por tal comportamento pregunteille ao garda que me fixo amablemente de guía durante a miña visita o por qué daquela situación, a resposta deixoume xeado.

Resulta que o lobo en cuestión fora decomisado a un particular que o tiña como se de un can se tratase, estivo atado duante uns anos ata que alguén denunciou o caso ás autoridades, xa que está prohibida a tenencia de animais salvaxes en catividade, o caso, punzante por certo, é que o noso animal estaba atado cunha cadea de apenas dous metros, e dende que foi capturado , cando aínda era un cachorro no cubil, ata que foi decomisado,anos máis tarde, estivo sempre así, atado as 24 horas do día, polo que na actualidade, o animal está tan tocado psíquicamente que non se move do radio que hipotéticamente lle deixaría a cadea, a pesar de que agora está solto...

Triste, moi triste final, para o rei dos depredadores galegos, parece mesmamente que a pena pode lerse nos seus ollos.

Paporrubio no Campus Universitario de Ourense.



A zona axardinada do campus Universitario de Ourense é un curioso punto de biodiversidade do entorno máis urbán da cidade Ourense, feito que me consta é común a outras cidades españolas.

Un dos habitantes deste entorno é o paporrubio (Erithacus rubecula), como mostran estas imaxes do día 14 de novembro de 2009, nas que se aprecia un exemplar cantor desta especie pousado nun carballo americano (Quercus ruber).

lunes 16 de noviembre de 2009

Pardao común en Ourense.
















Os pardaos comuns (Passer domesticus) están aínda atarefados cas pareas reproductoras nas cidade de Ourense, ben é sabido que se as condicións climatolóxicas son boas, poden chegar a críar durante todo o ano.

Nestas imaxes, obtidas en distintos puntos da cidade de Ourense podedes observar, tanto machos coma femias e xuveniles recén emancipados e, incluso o ir e vir dunha pequena colonia desta especie asentada entre as pedras milenarias da Ponte Vella, que aínda permanece moi activa, con exemplares entrando constantemente aos niños con ceba no peteiro e incluso un pequeno grupo dándose un pequeno chapuzón no río Barbaña, durante o día 14 de novembro de 2009.

Úbalo en Ourense.


Xa chegaron os primeiros úbalos (Carduelis spinus), paseriformes invernantes na provincia, e as marxes dos ríos de Ourense son lugares privilexiados para a súa observación, a pesar deste feito ,os úbalos mostráronse esquivos o pasado día 14 de novembro de 2009, e na ribeira do Miño na cidade soio conquerín esta pobre foto, agardo ter máis sorte en próximas xornadas de bicheo.

Pimpín común en Ourense.


Este macho en pumaxe invernal de pimpín común (Fringilla coelebs) foi localizado no Parque Miño, unha zona verde e de recreo moi popular na cidade de Ourense, o día 14 de novembro de 2009.

O pimpín común é un dos paseriformes forestais máis fecuentes da provincia de Ourense, conquerindo incluso altas densidades nas zonas máis faborables.

Na cidade de Ourense é un ave frecuente nos parques urbáns sempre en cando conten con vexetación arbórea axeitada.

Lavandeira cinsenta en Ourense.








Exemplar de lavandeira cinsenta (Motacilla cinerea) no río Barbaña en Ourense o día 14 de novembro de 2009.

A lavandeira cinsenta é un paseriforme frecuente nos cursos de auga da bisbarra de Ourense, chegando a estar presente nos tramos máis urbáns e modificados dos afluentes da beira esquerda do río Miño ao seu paso polo concello de Ourense.

jueves 12 de noviembre de 2009

Rá dos regos en Allariz.





O pasado día 27 de setembro de 2009, na compaña de Martiño Cabana e Anxos, no río Arnoia en Allariz, foron localizados estos exemplares de rá dos regos (Rana iberica), neste lugar a rá dos regos móstrase abondosa, sendo moi frecuente incluso nos tramos do río máis próximos á Vila.

martes 10 de noviembre de 2009

Gardafontes verde xuvenil en Vilar de Santos.






Pequeno exemplar xuvenil de gardafontes verde (Triturus marmoratus) atopado baixo un toro o día 8 de novembro de 2009 en terreos pertencntes ao concello limiao de Vilar de Santos.

Píntega común atropelada en Vilar de Santos




O asfaltado das pistas creadas durante a concentración parcelaria da zona Sur do concello limiao de Vilar de Santos, están supondo un sumidoiro para a fauna vertebrada desta zona da bisbarra, debido á maior accesibilidade para o tráfico rodado dos últimos tempos, e para mostra este escuro botón, un exemplar adulto de píntega común (Salamandra salamandra) de máis de 20 cm que topou o seu fin nunha destas novas estradas e que foi atopada en tan lamentable estado o día 8 de novembro de 2009.

Rá dos regos no Carballiño




Exemplar de rá dos regos (Rana iberica) localizado no río Arenteiro, no Carballiño o día 18 de outubro de 2009.

Este especimen presente unha certa falta de pigmentación ventral, quizáis debido á súa xuventude, que fai que se asemelle a unha rá vermella (Rana temporaria), sen embargo si vos fixades ben o deseño típico de Rana iberica aparece, pero moi atenuado.

Lagartixa rabuda en Monterrei.




Exemplar de lagartixa rabuda (Psammodromus algirus) localizado no concello de Monterrei o día 4 de outubro de 2009, na compaña de Xosé Ramón Reigada, Anxos, Martiño Cabana, que mañá está de santo...e Rafa Vázquez.

Esta especie atópase moi ben representada en certas bisbarras da provincia, chegando a ser a especie de réptil máis numerosa en determinados hábitats das mesmas, entre elas destacan as bisbarras de Monterrei, Ourense e Valdeorras.

Lagartixa dos penedos en Monterrei.




Para que vexades algún exemplar de lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica) da bisbarra de Monterrei, subo estas fotografías do xa célebre día 4 de outubro de 2009.

As imaxes foron obtidas en terreos do concello de Monterrei na compaña de Martiño Cabana, Anxos, Rafa Vázquez, que é o dono da cámara compacta que sae na primeira das fotos, e Xosé Ramón Reigada.

Rá dos regos en Oímbra



Hai que ver o que deu de sí a visita á bisbarra de Monterrei do pasado día 4 de outubro de 2009, este exemplar foi localizado no río Buble no concello de Oímbra, na compaña de Martiño Cabana, Anxos, Rafa Vázquez e Xosé Ramón Reigada, precisamente no blog deste último: Verín Natural (www.verin-natural.blogspot.com), podedes ver unha imaxe dun exemplar de rá dos regos (Rana iberica) localizado na mesma zona e na mesma xornada.

Rá dos regos na serra de San Mamede




Este exemplar de rá dos regos (Rana iberica), foi localizado nun regato do pobo de Rebordechán en Vilar de Barrio o día 7 de setembro de 2008.

A rá dos regos é un dos anfibios máis amplamente distribuido da provincia.

Troita na serra de San Mamede.


Nun regato do pobo de Rebordechá, no concello de Vilar de Barrio, foi localizado este exemplar de troita de río (Salmo trutta fario) o día 7 de setembro de 2008, boa prova da calidade das augas da Serra de San Mamede.

Rairo atropelado na serra de San Mamede


Rairo é o nome co que, nalgunhas partes da provincia de Ourense, coñecen ao sapo corriqueiro (Bufo calamita), sen embargo hai que puntualizar que algunhas persoas só identifican este nome co animal que produce o canto do sapo corriqueiro, pero cren que ese son o produce un réptil, e non un anfibio, e moito menos un sapo, pola contra, tamén hai persoas que relacionan perfectamente o nome vernáculo co canto e animal que o produce.

Este desgraciado animal foi atopado nunha pista das moitas que cruzan a serra de San Mamede, en Vilar de Barrio, o día 7 de setembro de 2008, e demostran que o problema do atropelo sistemático de vertebrados se atopa extendido polos rincóns máis recónditos da xeografía ourensá.

Lagartixas dos penedos de altura...











A semana pasada foron subidas ao blog parte destas fotografías identificadas como lagartixa das serras (Iberolacerta monticola), sen embargo a identificación era errónea e hai que agradecerlle acorección ao herpeólogo lucense Martiño Cabana, así que ahí vai o post.

Exemplares de lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica), localizadas o día 7 de setembro de 2008 a máis de 1200 metros de altitude na serra de San Mamede, en terreos pertencentes ao concello de Vilar de Barrio, nestas imaxes podedes apreciar un deseño diferente ao predominante noutras zonas de Ourense, como as da propia capital e arredores, sem embargo, coma noutras especies de hérpetos, as lagartixas dos penedos presentan unha forte variación individual no deseño, incluso en membros da mesma poboación.

Picafollas ibérico nas areeiras da Limia.





Este exemplar de picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) posiblemente un polo do ano, foi atopado nas areiras da Limia en Sandiás o día 13 de setembro de 2009, a esas alturas era xa imposible concretar se o exemplar en cuestión nacera na zona, ou pola contra formaba parte do importante fluxo migratorio de paseriformes, que por esas datas tiña lugar na bisbarra da Limia.

Picafollas europeo nas areeiras da Limia



Imaxes obtidas o día 13 de setembro de 2009 nas areeiras da Limia en Sandiás, unha cita algo tardía para esta especie invernante que soe aparecer en datas máis serodias.

A cita foi recentemente identificada na web: www.biodiversidadvirtual.com por Juan Carlos Granero Ruiz.

lunes 9 de noviembre de 2009

Ra verde en Vilar de Santos



Exemplar de ra verde (Pelophylax perezi) localizado no pobo de Parada de Outeiro, pertencente ao concello limiao de Vilar de Santos, o día 31 de outubro de 2009.

Ra dos regos en Vilar de Santos





Para seguir comparando poboacións e diseños de vertebrados, aquí están estas imaxes dunha ra dos regos (Rana iberica), xuvenil, no concello limiao de Vilar de Santos, concretamente no pobo de Toxeiriño o día 31 de Outubro de 2009.